Atlético Muralla 1 - SCD Santa Comba 0

30.03.2010 14:45

O árbitro aprazou o partido no treito final mentres a SCD Santa Comba caía por 1-0

Corría o minuto 86  cando o árbitro Javier Bilbao Vizcaíno tomou a decisión de suspender o partido co resultado de 1-0 favorable ó At. Muralla, sen que houbera ningún tipo de incidente que xustificara tal decisión. Tras un pequeno rifirrafe entre o meta local e os visitantes Emilio e Mera, que todo máis daría para unha falta en ataque e dous cartóns amarelos, enredou a cuestión para expulsar a Adrián e a Mera, ó adestrador visitante Xaime por airadas protestas e, presa dunha lexión de fantasmas invisibles que podían poñer en perigo a súa integridade física, dar por suspendido o choque cos xogadores dos dous equipos arredor para convencelo de que non pasaba nada e de que acabara o partido. Engadir que os 86 minutos disputados discurriron por cauces de absoluta deportividade.

Respecto o que deu de si o partido anotar que houbo poucas ocasións, que o Sta. Comba fixo unha discreta primeira metade, que mellorou na segunda, de feito estaba apretando cando o árbitro sinalou a suspensión, e que o At. Muralla e un conxunto ordenado, cunha boa disposición no campo, firme en defensa e coas ideas moi claras sobre cando se pode tocala ou cando hai que xogar en longo. Tamén son expertos en saber “parar” o xogo, sexa para atar unha bota ou para outros menesteres.

Destacar un lanzamento de Pablo ó poste no minuto 7 e o gol dos locais no 28,  nun balón solto na área do Sta. Comba que non deron rexeitado os defensas e que aproveitou Jacobo para marcar.

O Sta. Comba non deu sumado a terceira victoria consecutiva que levaba premio en forma de merendola, a espera, eso si,  da resolución que poida haber do partido. Haberá que centrarse de momento na visita do Laxosa o xoves  e na saída ó campo do Polvorín o domingo, encontros cos que esperamos non pasar unha semana de pasión.

 

Volver