FC Sober 1 - SCD Santa Comba 1

26.04.2010 18:17

Empate na despedida da liga

 

 

 

CD Sober e Sta. Comba pecharon a tempada en Centeás con táboas (1-1) nun encontro para cubrir o expediente federativo no que nada se xogaban ningunha das dúas escadras. Os prolegómenos  celebrounos o Sta. Comba cun xantar copioso e os locais xa tiñan  preparada a grella para a merenda., polo o cal o partido se disputou nun ambiente máis culinario que deportivo.

O Sta. Comba adiantouse cun bo gol de Diego tras unha excelente asistencia de Pelayo, xogada que repetirían pouco despois pero sen gol. Subliñar a velocidade na arrancada do hispano-arxentino, que lle gañou por pernas os  centrais locais para superar a Vinte. Coa avantaxe visitante dun gol remataría a primeira metade.

Na reanudación empataría Jesús no minuto 57, aproveitando unha indecisión dos centrais do Sta. Comba e do porteiro Óscar, nun balón dividido ás costas dos defensas. Anotar que o Sta. Comba xa xogaba con dez homes por lesión de Moncho e que a dixestión xa empezaba a facerse bastante pesada. Os locais buscaron o segundo gol e, aínda que se aproximaron con perigo, as súas accións ofensivas quedaban estragadas case sempre no último pase. Pola súa banda, o Sta. Comba buscaba a súa referencia en ataque, Diego, con balóns longos que os defensas locais, en superioridade, rexeitaban a maioría das veces.

E asi rematou o encontro, cun resultado positivo para os dous equipos que, no caso do Sta. Comba, lle permite rematar a liga sen perder despois de moitos xornadas e ben asentados nun máis que aceptable quinto posto, a espera da Copa Deputación co Laxosa como primeiro rival.

Desde aquí agradecer a presenza dos seguidores e seguidoras do Sta. Comba que, ó longo de toda a tempada, veñen acompañando ó equipo polos campos de 2ª Autonómica con bo e mal tempo. A eles van adicadas todas as victorias, esperando que nos acompañen moitos anos máis.

Volver